lunes, 5 de noviembre de 2012

A SANTA COMPAÑA (lenda)

A SANTA COMPAÑA: Na tradición galega A Santa Compaña é unha procesión de mortos ou de ánimas en pena que percorren de noite os camiños das parroquias. Velaí unha lenda que fala deste tradición.

Nun camiño de San Martiño de Tabeaio. Carral (A Coruña)

        Foi unha vez que un pai e máis un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgracia de seguir, sen se decatar e sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa. Dándose de conta do mal que lles traía o seu descoido ó se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, que ó ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda.
Pai e fillo viron arrepiados as luceciñas verdeás dos fachos que portaban as almas en pena e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos e, daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de poucas forzas, tropezou e caeu de contado sen folgos nin azos para se valer. O fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer coma o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, coma o vello, tampocuco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é deber para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un dentro.
     O pai, ó caer no chan, afociñado, quixo comprender que a Santa Compaña para por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía ó fillo, mais, como era noite, non o viu. Escoitou un pouco e non oíu cousa. Sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga bendita e máis o hisopo. O pai, daquela, perdeu o acordo e non foi home ata o abrir do día. Estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo porse en pé e as pernas non termaban del. Ó cabo, mal como puido, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa. O fillo aínda non chegara e el, perdida a cor e esgumiado, máis semellaba un defunto.
       Ó rapaz atopárono logo os veciños. Apareceu durmido ó pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz. O pai apenas tardou tres días en morrer e o fillo durou pouco máis tempo, mais ben pouco foi. Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai cos defuntos, aínda que queira, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer e tampouco quen é o que o fai: non pode virar a cabeza para ver o que leva detrás de si, por eso nunca ninguén dá razón.
       O único que lle é doado facer ó que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, o porlle nas mans a cruz e o caldeiro de auga bendita e máis o heizope, librándose de seguir el ó deixar a outro no seu canto, mais, dende que o fai, e pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de po-la noite, perde a cor e vai esmorecendo cada día máis, mirrándosepouco a pouco.


Agora imos comentar esta lectura. Primeiro marca este cuestionario e logo pégao no teu procesador de textos e despois realiza as seguintes actividades:

1.- Escribe unha frase con cada unha das palabras que están destacadas no texto. Se tes dúbidas sobre o seu significado, vas ao diccionario de Lingua Galega que tes no blog e buscas o seu significado.

FACHO:

AZO:

TRIPAR:

MIRRAR:

2.- Agora explica o significado das frases destacadas en negriña na lectura.

a)  que xa era home:

b)  para se aforrar moitos contratempos

c)  O pai, daquela, perdeu o acordo

d)  collendo nunha aperta o talo da cruz

3.- Di se estas expresións sobre a lectura son verdadeiras ou falsas

A  Santa Compaña é unha procesión das festas
 
Os protagonistas desta historia son dous amigos
 
Os protagonistas pasaron preto dunha igrexa
 
O pai e o fillo topáronse coa Santa Compaña
 
A forma de librarse da Santa Compaña é poñerse a rezar
 
O pai e o fillo tentaron fuxir a escape
 
Os defuntos pasaron por encima do pai que caera non chan
 
O fillo logrou escapar e salvouse
 
O pai tardou oito días en morrer
 
O fillo apareceu abrazado a un cruceiro
 
Cando alguén é levado pola Santa Compaña perde a memoria
 
O fillo perdeu o acordo pero salvou a vida
 

 

4.- Ordea as seguintes secuencias e terás un resumen da lectura

- O pai e o fillo perderon a memoria e morreron ó pouco tempo.
- O pai quedou esmagallado porque lle pasaron por enriba os defuntos.
- Un pai e máis un fillo topáronse unha noite coa Santa Compaña.
- O fillo foi obrigado a levar a cruz, o caldeiro da auga bendita e o hisopo.
- O pai conseguiu chegar á  casa e ó fillo atopárono os vecinos abrazado a un cruceiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario